Sobre Quincegotas

QUINCEGOTAS, III Festival de Danza na rúa. A Coruña 22, 23 e 24 de setembro

Volve a danza para ser protagonista na Coruña, volve a abandonar os seus espazos habituais para atopar o seu escenario nas rúas e prazas da cidade. O Festival Quincegotas romperá de novo coa convencionalidade da butaca do teatro e desenvolverá os seus espectáculos nos lugares de convivencia cotiá!

Súmanse novos espazos da cidade da Coruña diferentes aos empregados nas edicións anteriores como o Barrio das Flores ou o Parque de Oza, ademais súmase o Concello de Oleiros para chegar a un maior público. Na programación deste ano haberá 3 estreas absolutas, 3 estreas en Galicia, máis actuacións, espectáculos simultáneos, novidades formativas… Chega a terceira edición de Quincegotas, Festival de Danza na rúa.

 

DÍA 23 DE SETEMBRO

XORNADA DE DANZA NO BARRIO DAS FLORES

Este día desfrutaremos da danza nun entorno moi especial, como é o Barrio das Flores.

“O Barrio das Flores representa a primeira operación urbanística de magnitude acontecida na cidade de A Coruña. Xurde na década dos 60 do século pasado como un proxecto ambicioso e intelixente que non se finaliza na súa integridade ata mediados dos 70.

Dividido en cinco zonas, vai desenvolver a unidade veciñal, ou a creación dun conxunto armónico, autónomo, capaz de funcionar como un espazo de relación global, onde os lugares de encontro colectivo, o verde e o residencial atopan entendemento.

Hoxe, o reto é revitalizar este núcleo de vangarda -exemplar na utilización dos limitados recursos-, unha arquitectura de lúcida funcionalidade definida pola equilibrada composición, así como a tentativa de adecuación do seu esplendor á realidade.

A intervención artística contribúe, dentro dos procesos de pluralidade xeográfica, capacidade metafórica, procura de singularidade e deslocalización do Festival Quincegotas a fixar pois a mirada nun dos fitos da construcción social na nosa cidade”.

José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña