Tejido Conectivo & Compañía Improvisada – Kuzushi

SÁBADO 28/11, 13:45 – PRAZA DE VIGO

Dirección, coreografía e interpretación: Miguel Tornero e Miguel Ángel Punzano
Duración: 15 min

Compañía Improvisada é unha compañía de danza creada e dirixida por Henar Fuentetaja e Miguel Tornero a través da cal crean e exhiben os seus propios espectáculos de danza, co obxectivo de conseguir unha maior difusión e promoción da danza na nosa sociedade. Compañía improvisada forma parte así mesmo dun proxecto maior chamado CocinandoDanza, unha empresa a través da cal dan cobertura ás súas principais actividades laborais como a docencia de danza e outras actividades físicas, a coreografía e tamén a docencia e promoción da saúde a través da macrobiótica, os seus principios e a súa cociña así como a súa relación co medio ambiente.

Sinopse Kuzushi

Dous homes en escena, dous bailaríns buscando a fusión entre a danza e a linguaxe das artes marciais xaponesas, experimentando o desequilibrio e a construción da identidade persoal coa axuda do outro.

Kuzushi expón a idea do desequilibrio como condición inherente á especie humana. A nivel físico, a estática do ser humano constrúese en base a un desequilibrio anterior, feito que condiciona a dinámica, a cal debe xestionarse en base a manobras de reequilibración constante. O plano físico, extrapolado ao plano psicolóxico e emocional constitúen un ser humano cuxo estado natural é o desequilibrio en todos os aspectos, e a xestión dese desequilibrio o que determinan a súa historia persoal.

 

ESTREA EN GALICIA

www.tejidoconectivo.com
www.ciaimprovisada.com