Sharon Fridman – Hasta dónde…?

Domingo 4 de setembro. 19:45 horas. Castelo de San Antón

Dirección e coreografía: Sharon Fridman
Interpretación:
Richard Mascherin e Beñat Urretabizkaia
Duración: 20 min.

A compañía Sharon Fridman é un grupo de danza contemporánea formado en 2007 e afincado en Madrid. O seu director artístico é o mozo israelí Sharon Fridman. O contact é a pedra angular na procura da compañía, filosofía existencial que implica unha consciente relación co outro, coa materia e os elementos. O movemento natural é a materia prima de todas as súas  composicións. A experiencia subxectiva do intérprete, a vivencia do seu particular conflito, é ademais o punto de partida da creación.

Moitos dos seus traballos traspasaron as nosas fronteiras e puideron verse en diferentes países europeos, de Norte América e América Latina. Recibiron o 1º Premio e Premio do Público do Certame Coreográfico de Burgos-New York 2011 e o Premio Iberoamericano de Coreografía Alicia Alonso (CIC´12). Cos apoios de: INAEM, Centro Danza Canal, Comunidad de Madrid, Centro Coreográfico La Gomera, Centro de Humanidades Cardenal Gonzaga.

Hasta dónde..? é un dúo de danza contemporánea baseado na técnica do contact. A peza en si é un extracto de 20 minutos de duración da montaxe Polo menos dúas caras, estreado no Festival de Outono na primavera 2011. Desde a súa estrea no Festival Mudanzas de Cartaxena, Murcia, o dúo foi representado máis de 300 veces en cidades en todo o mundo.

Sinopse Hasta dónde…?

Rendidos á deriva do corpo, comezamos a abandonar aquilo que nos impedía ser. Un vals aparece, achéganos, emerxe entre nós unha ponte, unha posibilidade. Descoñecemos o paradoiro da viaxe pero sabemos que xa non hai retorno nin fluctuación posible. Recoñecerémonos tras o limiar, nese brote do camiño onde os nosos corpos sobre o chan finalicen o descenso. Para subir debemos primeiro baixar, ata onde…?