Moveo – Tu vas tomber!

DOMINGO 29/11, 17:20 – OBELISCO

Dirección: Stéphane Lévy
Interpretación: Javier Cárcel, Xavi Palomino, Marta Hervás e Adrià Viñas
Duración: 25 min

Desde 2005, a compañía MOVEO leva aos escenarios un traballo de creación que explora as posibilidades narrativas do corpo e a riqueza expresiva do movemento. Lonxe da ilustración a través de xestos, e lonxe tamén dunha plasticidade abstracta do corpo separada da teatralidade, MOVEO investiga e traballa no desenvolvemento dunha linguaxe física que provén principalmente do traballo do creador Etienne Decroux e busca constantemente a conexión entre diferentes disciplinas. Entender a arte do movemento como un retrato teatral do interior, da relación, da afinidade e do conflito, para ofrecer sempre unha viaxe cara á condición humana a través desa extracotidianeidade coa que nos permiten xogar as artes escénicas.

Sinopse Tu vas Tomber

Esvarei! Non pasa nada. Nalgún momento perdín o equilibrio. Mirei ao meu ao redor e non había nada. Quen é quen? Ti que me ves e obsérvasme, que es espectador dos meus movementos, e eu que fago, que empezo a ser, que me desequilibro por fóra no mesmo espazo onde ti desequilíbrasche por dentro?

Tu vas tomber! é un traballo sobre o equilibrio. Sobre as relacións tensas que se crean entre nós. Sobre a esperanza en que o outro me recollerá, que o outro me verá, que o outro me apoiará. Sobre a fina liña entre realidade e ficción.

ESTREA EN GALICIA
Premio ao mellor espectáculo na categoría de danza, outorgado polos profesionais na Feira Internacional de teatro e danza de Huesca 2015.

www.moveo.cat/ciamoveo