Marta Cuba – Acumulacións rebeldes

Sábado 23 de setembro. 18.15 horas. Praza do Barrio das Flores

Dirección e coreografía e interpretación: Marta Cuba
Fotografía: Iria Friné Rivera Vázquez
Duración: 12 minutos

Estrea absoluta

Marta Cuba é artista gráfica e bailarina. A maiores do seu traballo como deseñadora gráfica, desenvolve unha faceta de creación e experimentación persoal no campo da ilustración, a colaxe e o traballo co corpo, mediante a performance, a danza e a improvisación.

Algunhas das súas pezas son: Dúas letras de diferenza estreada en abril do 2017 en Salvaterra de Miño, dentro do programa Mulleres en Acción, violencia cero, da Deputación de Pontevedra. Sintética, co-dirixida con Patricia Iglesias (Mudanza) e estreada en abril de 2016 no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Mo-vernos, en colaboración co músico, etnógrafo e investigador Miguel Alonso, estreouse na sala Normal en outubro de 2014.

Sinopse de Acumulacións rebeldes

Acumulación de cadeiras, cintura e abdome. Non existe exercicio nin sistema único para as combater. Son zonas rebeldes. Se conseguen fusionarse, non hai nada nin ninguén que poida convertelas en plástico.

Combinación de traxectos e horarios. Sen orde nin acordo, costas con costas, perna con perna, corrente con aire, mar e terra dentro, columna vertebral e cerebral, un fluír permanente que se dilata no meu peito e que me dificulta abrir os ollos de todo. Das túas palabras sae a miña boca, da miña boca zonas rebeldes, suaves e opacas. Sobrevoo sen ás, un río que ás veces é mar.

http://mover.martacuba.com