Mal Pelo – Bach

Venres 22 de setembro. 19:30 horas. Escalinata Domus

Dirección e coreografía: María Muñoz Guillén
Interpretación: Federica Porello
Duración: 25 MINUTOS

Estrea en Galicia

En xaneiro de 1989, María Muñoz e Pep Ramis fundan a compañía de danza Mal Pelo. Desde o inicio, o grupo baseou o seu traballo nunha procura constante de linguaxes. Desta travesía de linguaxes, nacerán unhas propostas escénicas enraizadas nunha transversalidade nítida, sinxela e, ao mesmo tempo, profunda. Durante os seus primeiros anos, a compañía realiza numerosas xiras (Europa, Oriente Medio, EE.UU. e América Latina), actividade que combina con períodos de creación en diversos países. Esta itinerancia provoca un intercambio de ideas, técnicas e métodos de traballo con outros creadores que fará que a compañía potencie a súa busca artística. Mal Pelo inicia un camiño paralelo a través dun novo proxecto: L´animal a l´esquena, un centro de creación e investigación inaugurado en 2001.

En 2001, Pep Ramis e María Muñoz impulsan L´animal a l´esquena, un centro de creación e intercambio multidisciplinar en Celrá (Girona). Mal Pelo recibiu, entre outros, o Premi Nacional de Dansa 2002 da Generalitat de Catalunya polo espectáculo L´animal a l´esquena e o Premio Nacional de Danza 2009/ Modalidade de Creación do INAEM-Ministerio de Cultura, en recoñecemento á traxectoria da compañía, con mención especial ao espectáculo Bach e ao centro de creación L´animal a l´esquena.

Sinopse Bach

Bach é un traballo sobre algunhas pezas seleccionadas da obra O clavecín ben temperado, de J.S. Bach, que María Muñoz estreou en 2004 como peza escénica e da que realizou máis de cen presentacións en varios países e continentes. Agora, María Muñoz traballa na transmisión e reinterpretación deste só coa intérprete e creadora italiana Federica Porello. En Bach, o discurso artéllase unicamente a través do corpo e a música de Bach, unha aproximación á obra O clavecín ben temperado, de J.S. Bach, en que a intérprete combina a danza dalgúns preludios que se reproducen en directo coa memoria dalgunhas fugas bailadas en silencio.

A versión de Bach realizada por Federica Porello represéntase por primeira vez en Galicia.

www.malpelo.org

www.lanimal.org