Ánxela Blanco – Olivia necesita verán

DOMINGO 29/11, 13:00 – CAMPO DA LEÑA

Coreografía e Interpretación: Ánxela Blanco
Duración: 10 min

Anxela Blanco é o nome artístico que escollo para comezar a producir e distribuir as miñas creacións escénicas. É unha simplificación xa que nunca traballo soa, o meu concepto de compañía baséase na aprendizaxe por mistura con outras disciplinas e persoas, ademáis das sinerxias e diálogo cos espacios e proxectos dos que participo.

Do feito, destacaría o percorrido de “FUME”, galardonada co premio nacional INJUVE 2012 e ao emprendemento da UdC. Así coma a evolución de “olivia necesita verán” no que resultou ser unha proposta performativa na procura de intimidade, que se afecta por cada espacio no que xoga. Na primeira misturamos cinema e danza, logo acrobacias e teatro físico; en “Ulises e a nena durmida” (traballo en proceso), súmanse tamén a voz e a escrita. Esta deriva é un intento de camiñar cara o territorio propio, na procura dos límites das artes vivas, ca intensidade das experiencias efémeras.

Sinopse Olivia necesita verán (fragmento)

“Naceu das ganas de xogar á guerra, ao repasar unha cicatriz calquera da memoria da miña avoa. Vaise expandindo en tenrura e intimidades. Foi de sentir violencia no aire, coma un olor penetrante en toda unha cidade e un país”

Olivia necesita verán é unha reflexión sobre as violencias invisibles, un lamerse as feridas non curadas, e a reparación a través da tenrura e o xogo. É unha intervención na rúa ou espacios imprevistos, arte viva e efémera, partindo dos códigos escénicos do teatro e a danza.

www.tea-tron.com/olivianecesita/blog/