Alejandra Aguirre – Proxección do documental Fuera de Escena

Charla coloquio coa autora
Sábado 22 de setembro. 12:15 horas. Centro Ágora
Buses: 7, 12A, 14

Documental: Fuera de Escena
Autora: Alejandra Aguirre

Alejandra Aguirre Ordóñez, documentalista cubana radicada hai máis dunha década en España. Aínda que foi etiquetada como cineasta desde a súa primeira película no ano 2005, Alejandra séntese máis próxima ao universo das letras e á socioloxía que ao sector audiovisual. Tras rematar a súa licenciatura na Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana, continúa os seus estudos doutorais na Universidade Complutense de Madrid na especialidade de Literatura Hispanoamericana.

Fuera de Escena (2016) é o seu documental máis recente. A partir da súa estrea no Festival Internacional de Cine da Habana, esta película tivo un percorrido interesante por diversos festivais de cine e certames próximos á danza.

Actualmente, Alejandra Aguirre colabora como autora en Havana Cultura, un paradigmático espazo de produción, difusión e distribución da expresión máis representativa da arte contemporánea en Cuba. Tamén é columnista na Revista Iberoamericana Arte por Excelencias

 

Sinopse Fuera de Escena

Durante cinco anos, unha cámara recolle a cotianeidade de Danza Contemporánea de Cuba, unha das compañías máis emblemáticas da escena habanera. Ensaios, montaxes coreográficas, xiras nacionais e internacionais son os espazos e circunstancias desta película dedicada non só á danza, senón (e sobre todo) tamén a quen o fai posible: as e os intérpretes.

Que é un bailarín? Non hai resposta simple nin unívoca pero todas pasan polo corpo, o instinto, o movemento e a relación da/o artista coa escena.

No fondo, está A Habana actual. O discurso verbal e cinético de Fuera de escena remite constantemente á Cuba contemporánea mais tamén outros fondos europeos xorden da man de bailaríns radicados en Bruxelas, en Galicia ou en Berlín. É imposible falar do corpo se este non se sitúa nun tempo e nun lugar. A danza é un síntoma de presenza viva.